Thursday 09 de May de 2024

Cinco empresas optan á adxudicación do contrato para a renovación da maquinarias do ximnasio municipal


Paralelamente o Concello tamén ten en licitación o proxecto de renovación das instalacións do propio ximnasio e da piscina.

O Concello continúa avanzando no procedemento de adxudicación do contrato de subministro das novas máquinas de alta gama coas que se equipará o ximnasio do complexo deportivo da piscina municipal da Laracha. Despois de finalizar o período para a presentación de propostas, son cinco as empresas que participan nesta licitación aberta e que optan á adxudicación.

O contrato ten un orzamento próximo aos 47.000 euros e inclúe o subministro de catro máquinas cardiovasculares (dúas cintas de correr e dúas de suspensión elíptica), dezaseis de musculación e equipamento de peso libre. Tamén contempla a retirada do material antigo que será eliminado do ximnasio.

Paralelamente, o Concello ten tamén en licitación a execución do proxecto de renovación das instalacións do complexo, unha ampla e ambiciosa iniciativa que prevé varias intervencións diferenciadas e complementarias entre si coa finalidade de mellorar os equipamentos, facelos máis atractivos e eficientes, e ofrecer un maior confort aos usuarios e novas oportunidades para a práctica de actividade física. Neste caso o orzamento ascende a 134.000 euros e o prazo de presentación de ofertas rematará este mércores.

Na zona do vaso da piscina contémplanse intervencións na praia que pretenden reducir os desbordamentos que se rexistran especialmente nos momentos de maior uso da instalación. Isto suporá un impacto positivo tanto no aforro de auga como na eficiencia enerxética.

Na parte exterior da edificación realizarase a nova impermeabilización da cuberta e a completa renovación das fachadas exteriores.

Na zona do ximnasio será renovado o pavimento, prevendo a instalación de dous tipos de superficies adaptadas ás diferentes necesidades que presentan as salas de máquinas e as de actividades. Ademais, realizaranse as intervencións oportunas para mellorar a climatización na sala de spinning.